ARTISTAS
Fuzzo Marin 2

Fuzzo

Integran este proxecto tres destacados músicos da escena jazzística galega: Virxilio da Silva na guitarra, Xan Campos nos teclados e Chus Pazos na batería. Autodefínense como unha banda experimental de improvisación libre acumulativa.

Os inicios do grupo remóntanse ao verán de 2015. Dende entón veñen practicando o seu particular estilo, no que se poden apreciar influencias que van desde o rock psicodélico, o blues, o krautrock, o prog e o free jazz; até o noise, a música electrónica ou o afro beat. Sempre coa improvisación como canle fundamental de expresión, teñen como fin último facer partícipe ao público da súa sorte de viaxe cósmica ateigada de abraio e liberdade.

En decembro de 2019 lanzan o seu primeiro traballo discográfico The Ghalpón Sessions (Xorelo Records), gravado e mesturado por Hevi (Malandrómeda) no Laboratorio Soyuz, Trazo, Galiza.

Entre 2017 e 2018 colaboran co ilustrador e viñetista Luis Davila (O Bichero) e o tamén ilustrador e escultor suízo Marc Taeger. Presentan xuntos un espectáculo onde se mesturan visuais e música ao vivo. Destaca desta colaboración a participación no FIC Bueu 2018.

A partir do ano 2018 comezan a traballar de forma recorrente co Cine Clube Ádega (Vilagarcía de Arousa) para musicalizar ao vivo diferentes filmes do cine mudo dentro da programación da Semana de Cine. O grupo encontrase especialmente inspirado nesta nova faceta do seu traballo, na que convidan ao espectador a revisitar grandes obras do cine clásico dunha maneira nova, empapados da estética e imaxinario sonoro do grupo.

Teñen presentado até a data os seus traballos con filmes como Nosferatu (Murnau, 1922), Un Chien Andalou (Buñuel, 1929), Ménilmontant (Dimitri Kirsanoff, 1926) ou The Unknown (Tod Browning, 1927), cunha moi boa acollida por parte de público e crítica: “Un espectáculo dos bos, dos excelentes, dos que deixan pouso e non seesquecen” La Voz de Galicia.

Estilo

Jazz

Enlaces de interese