ESPECTÁCULO MÚSICO-TEATRAL 'BENITO SOTO VOLVE DO ALÉN' DE OS DE ALGURES
Detalles do Evento
“Os de Algures” presentan «Benito Soto volve do Alén», un espectáculo teatral que combina música tradicional, humor, historia e lendas populares
Detalles do Evento
“Os de Algures” presentan «Benito Soto volve do Alén», un espectáculo teatral que combina música tradicional, humor, historia e lendas populares de Pontevedra.
A representación conta coa colaboración especial da Aula Municipal de Teatro de Pontevedra e da Asociación de Danza e Teatro Cafuné, mentres que o vestiario corre a cargo da Asociación Etnográfica Sete Espadelas.
O director teatral: Anxo Lourido e o director artístico: José Luis Rodríguez, foron os encargados de artellar esta disparatada comedia.
O elenco está formado por trinta e cinco actores, actrices e músicos, que darán vida a unha comedia costumista e de enredo, ambientada nas tradicións e romarías pontevedresas.
Na noite de defuntos, o célebre pirata pontevedrés Benito Soto regresa do Alén acompañado da súa tripulación do Burla Negra, coa intención de recuperar o seu fabuloso tesouro agochado nunha moi coñecida casa pontevedresa.
Pero o que parecía unha misión sinxela convértese nunha sucesión de enredos, malentendidos e situacións disparatadas cando os piratas se atopan cos gaiteiros de “Os de Algures”, os taberneiros da Moureira e a mismísima Santa Compaña.
Entre cuncas de viño, negocios turbios, promesas incumpridas e ánimas con sede, vivos e mortos percorren algunhas das romarías máis tradicionais da contorna: a das Cabezas da Armenteira e a de San Brais, sen esquecer os remedios milagreiros de San Benitiño de Lérez.
A música de gaitas e a retranca galega acompañan esta aventura na que a cobiza, a picaresca e os costumes populares se mesturan nunha auténtica festa teatral. «Benito Soto volve do Alén» é tamén unha homenaxe á memoria popular de Pontevedra, ao seu patrimonio, ás súas tradicións e á maneira tan nosa de rirnos ata da propia morte.
Entrada libre ata completar cabida
Hora
Localización
Auditorio do Pazo da Cultura