UNHA OLLADA Á PROGRAMACIÓN CULTURAL DO CONCELLO DE PONTEVEDRA

Exposición - O Inefable de Fernando Carballa e Chelo Rodríguez

05mai(mai 5)19:3017xul(xul 17)14:00Exposición - O Inefable de Fernando Carballa e Chelo RodríguezDO 5 DE MAIO AO 17 DE XULLO

Detalles do Evento

Aquilo que non se pode describir nin expresar con palabras é do que nos falan as obras artísticas, establecendo unha relación máxica que nace cando se inicia un diálogo entre a ou o artista e a súa obra. “Trátase de atoparnos co que non se ve e que, porén, existe grazas ao que vemos”, como dixo nunha ocasión a escritora Eva Veiga.

O “inefable” podería expresarse a través de diferentes sistemas sígnicos como a poesía, a música, a pintura… ou, simplemente, o silencio. Pero o “inefable” é tamén a luz, a cor, o baleiro e a materia, aspectos fundamentais da creatividade dos protagonistas desta exposición Chelo Rodríguez e Fernando Carballa que, de tempo atrás, comparten amizade e a incansable necesidade de experimentar para captar o instante e transformalo en algo eterno que poidamos nós tamén captar e gozar.

O esforzo por desvelar o “inefable” amosa camiños ben distintos en ambos os dous. Mentres Chelo emprega  espazos interiores, cheos de luz e de cor, coa presenza constante e desacougante de diferentes cadeiras como metáforas, Fernando xoga a desvelar a materia e, nesta ocasión, preséntanos o misterio a través da livián e suxestiva porcelana, máis tamén coa forza primixenia do barro. Con todo, comparten nesta mostra das súas obras a súa atracción pola figura humana, quer coas diversas representacións de cabezas que nos atrapan nun mundo simbólico e conceptual, propio de Fernando Carballa, quer cos atractivos manequíns cheos de vida e movemento, de xeito aparentemente contraditorio, que nos mostra Chelo Rodríguez.

Visitable no horario habitual de apertura da Sala de martes a venres de 18 a 21h. Sábados de 12 a 14h e de 18 a 21h. e domingos de 12 a 14h. Luns, pechada.

Hora

Maio 5 (Xoves) 19:30 - Xullo 17 (Domingo) 14:00(GMT+02:00)

Localización

Sala de exposicións do Pazo da Cultura

Rúa de Alexandre Bóveda, s/n, 36005 Pontevedra