FUXAN OS VENTOS. 50 ANOS DE HISTORIA
Detalles do Evento
Horario de apertura ata o 13 de novembro para visita libre: de martes a venres de 18 a 21h. Sábados de 12 a 14h. e
Detalles do Evento
Horario de apertura ata o 13 de novembro para visita libre: de martes a venres de 18 a 21h. Sábados de 12 a 14h. e de 18 a 21h. Domingos e festivos de 12 a 14h. Luns, pechada.
Visita guiada o sábado 26 de outubro ás 18h. É preciso formalizar inscrición previa en apuntate.pontevedra.gal
Esta exposición nace da necesidade de celebrar os 50 anos de historia do grupo lugués, mais tamén da necesidade de por en valor o seu percorrido musical. O proxecto expositivo idéase por un grupo de persoas entre os que se atopan varios membros de ‘Fuxan os Ventos’, a comisaria Sabela Fraga, a directora de arte Melania Freire e a coordinadora do proxecto Noa Díaz.
‘Fuxan os ventos’ ofreceu o seu primeiro concerto o 22 de outubro de 1972 no III Festival das San Lucas de Mondoñedo. Medio século despois a mostra pretende lembrar unha das agrupacións máis emblemáticas da música galega a través da ampla variedade de formatos que conforman o seu arquivo persoal.
Fotografías, carteis, instrumentos, poemas, partituras e audios inéditos son algunhas das pezas a través das cales poderemos mergullarnos na cronoloxía e no universo creativo de ‘Fuxan os Ventos’, nunha mostra que, ademais, conta coas achegas de múltiples persoas e entidades culturais do país.
A mostra inaugurouse o 22 de outubro de 2022 no Vello Cárcere de Lugo xusto cando se cumprían 50 anos da primeira actuación do grupo. Dende esa, a exposición inicia a súa itinerancia e, tras facer parada en Santiago de Compostela e Coruña, chega agora á cidade de Pontevedra.
Un pouco de historia
A orixe de ‘Fuxan o ventos’ está no III Festival das San Lucas de Mondoñedo (1972). O grupo de música gañou a cita, obtivo o galardón de 50.000 pesetas e mudou o nome, pois ao certame foron como ‘Folk 72’, pero saíron como Fuxan os Ventos, título da canción trunfadora. Desde os seus comezos pasaron pola formación preto de 30 músicos.
En 1976 gravan o seu primeiro disco, Fuxan Os Ventos, logo seguen con Tequeleteque (1977), Galicia canta o neno (1978), Sementeira (1978), Quen soubera cantar (1981), Noutrora (1984), Sempre e mais despois (1999), Na memoria dos tempos (2002), Terra de soños (2009).
O grupo, que detivo a súa primeira etapa nos oitenta, regresou aos escenarios en 2008. Logo do recente falecemento dunha das voces máis significativas da formación, Moncho Díaz, actualmente a banda está conformada por Antón Castro, na zanfona, mandolina e voz; Xosé Vázquez, percusión tradicional e voz; Pedro Lucas, gaita, frautas e voz; Xoán L. Fuertes Saavedra, buzuki, guitarra, violín e voz; Carmen Vázquez, voz; Tereixa Novo, voz; Maruxa Fociños, voz; e Alfonso Fernández, voz.
Hora
Localización
Sala de exposicións do Pazo da Cultura
Rúa de Alexandre Bóveda, s/n, 36005 Pontevedra