UNHA OLLADA Á PROGRAMACIÓN CULTURAL DO CONCELLO DE PONTEVEDRA

LGX15 - IDEAS PARA O FUTURO DA LINGUA

28out19:0021:00LGX15 - IDEAS PARA O FUTURO DA LINGUA

Detalles do Evento

Esta nova edición continúa o formato de anos anteriores: charlas breves, nas cales se transmitirán de forma visual e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro do idioma, música e humor. As entradas, a un prezo en venda anticipada de 6€ (10€ na billeteira, no caso de non esgotarse) xa están á venda no web do evento e en Eventbrite.

As persoas convidadas á novena edición do LGx15 son: Paco Veiga (mestre, pedagogo e experto no estudo do xogo popular e tradicional, que empregará o valor das palabras para falarnos da situación lingüística actual), Carlos Airas (emprendedor nos sectores deportivo e cultural, quen nos relatará as súas experiencias e recomendacións para mellorar a situación do idioma), Magdalena Sánchez (tradutora audiovisual e subtituladora, quen nos fará unha panorámica do valor da tradución audiovisual e da dobraxe como factores normalizadores), Kiko da Silva (historietista, ilustrador, editor e director da escola profesional de BD O Garaxe Hermético, quen nos explicará como a banda deseñada pode axudar a afianzar a nosa lingua) e Fran da Lobeira (youtubeiro, twitcheiro e presidente da Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego, quen nos fornecerá receitas para mellorar a presenza da nosa lingua en YouTube).

Conducirá o evento a comunicadora e actriz Neves Rodríguez, quen tamén nos explicará as súas experiencias e consellos para o futuro da lingua. E contaremos coa actuación musical de Xiao Berlai, guitarrista, mandolina, voz, compositor e letrista de Berlai.

As intervencións serán gravadas e posteriormente difundidas a través da rede, pois un obxectivo fundamental deste proxecto é espallarmos as ideas co fin de que cheguen ao maior número de persoas posible. Os 51 vídeos das intervencións das edicións anteriores poden verse no web do LGx15 e en YouTube (2015, 2016, 2017, 2018, 2019, 2020, 2021 e 2022).

O LGx15 é un evento organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, do Concello de Pontevedra, de Deleite e da Fundación Galicia Sustentable.

Hora

28 outubro, 2023 19:00 - 21:00(GMT+02:00)

Localización

Teatro Principal

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra