UNHA OLLADA Á PROGRAMACIÓN CULTURAL DO CONCELLO DE PONTEVEDRA

PONTEATRO- DO 26 DE FEBREIRO AO 26 DE MARZO

26feb21:0026mar21:00PONTEATRO- DO 26 DE FEBREIRO AO 26 DE MARZOENTRADAS Á VENDA EN ATAQUILLA.COM

Detalles do Evento

Abonos e entradas á venda en Ataquilla.com

Xoves 26 de febreiro – 21.00h no Teatro Principal. GUERRA de Teatro do Noroeste

A guerra é a expresión cruel do fracaso total, por iso nunca é unha solución, senón o máis grande dos erros. Nun edificio teatral totalmente destruído por un bombardeo nunha guerra desatada no mesmo corazón de Europa, comezan a aparecer os personaxes do teatro universal que nel foran representados ao longo do tempo e encarnados en dous actores e catro actrices. As innumerables referencias ás guerras no teatro europeo, desde Shakespeare até Lorca enchen a escena de evocadoras secuencias de caos e destrución.

Autoría e dirección: Eduardo Alonso. Elenco: Miguel Pernas, Luma Gómez, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez.

Duración: 100 min

Xoves 5 de marzo –  21.00h no Teatro Principal. TROMSØ de Morraoconto

Cando un ser querido nos deixa, o baleiro que queda énchenos dun silencio que, ás veces, nunca conseguimos facer desaparecer. Aférrase ao corazón apagando para sempre parte da súa luz. Tromsø é unha reflexión en clave de humor dende a perda. Sobre a vida, a morte e todo o que queda entre medias. É un canto á tristura pero tamén á esperanza. Unha viaxe épica polos mares do norte, navegando tormentas, fiordes e enormes cardumes de arenque, na procura de respostas nun lugar onde as candorcas, co seu canto, desgarran o silencio salvaxe da aurora boreal.

Autoría: Rafa Martínez. Dirección: Rafa Martínez e Esther Latorre. Elenco: Miguel Gendre, Lara Pouso, Lidia Veiga, Julia Ammerman e Lucía Iglesias. Duración: 80 min.

Xoves 12 de marzo – 21.00h no Teatro Principal. COSTA DA MORTE, CARTOGRAFÍA DUN NAUFRAXIO de CDG e Mariña Lestón. Accesible en Lingua de Signos

Unha viaxe sobre a historia do noso mar a través de relatos reais e cantigas populares interpretadas en directo. Historias sobre naufraxios na Costa da Morte para lembrar as persoas que xa non están e para poñer en valor e visibilizar as que quedaron en terra: as viúvas, as orfas, as que socorreron… Para que as súas historias non caian no esquecemento. Unha peza escrita, producida e interpretada por Mariña Lestón en coprodución co Centro Dramático Galego.

Autoría e dirección: Mariña Lestón. Elenco: Mariña Lestón e Gema Santos (intérprete de Lingua de Signos). Duración: 50 min.

Xoves 26 de marzo – 21.00h no Teatro Principal. MOFA E BEFA: OS DOUS DE SEMPRE de Producións Teatrais Excéntricas

Moita xente, cando escoita “os dous de sempre”, no primeiro que pensa é en Mofa e Befa. E a Castelao non lle parece mal. O dúo cómico formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira son parte do fecundo río do humor galego. Agora decídense a encarnar dúas personaxes de papel, concibidos por un humorista gráfico. Os pallasos son criaturas feitas de mesturar un tolo e un neno. Para facer un bufón fai falta, ademais, o animal que todos levamos dentro. Nenos, tolos e animais compoñen o rico universo humorístico de Castelao, o seu retablo da comedia humana. Mofa e Befa vai meter todo este universo nas figuras de Pedriño e Rañolas: Os Dous de Sempre. 

Autoría: Quico Cadaval e Carme Varela. Dirección: Quico Cadaval. Elenco: Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Josito Porto. Duración: 100 min.

Hora

26 febreiro, 2026 21:00 - 26 marzo, 2026 21:00(GMT+01:00)

Localización

Teatro Principal

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra