UNHA OLLADA Á PROGRAMACIÓN CULTURAL DO CONCELLO DE PONTEVEDRA

PRIMEIROS OLLARES. MATINÉS DE CINEMA INFANTIL NO TEATRO PRINCIPAL - Tony, Shelly e a lanterna máxica

07dec12:0013:25PRIMEIROS OLLARES. MATINÉS DE CINEMA INFANTIL NO TEATRO PRINCIPAL - Tony, Shelly e a lanterna máxica

Detalles do Evento

Da man do Cineclube Pontevedra chega a Pontevedra este ciclo de cinema infantil e familiar que, na súa terceira entrega achegará o filme Tony, Shelly e a lanterna máxica (2023), do realizador checo Filip Pošivač. Un conto de Nadal que celebra as identidades únicas das crianzas, o valor da diferenza, o poder da amizade e a superación dos medos. Tony é un neno de once anos cunha característica moi peculiar desde o nacemento: brilla! Por causa desta condición tan extraordinaria pasa os días agochado na casa, no seu búnker de mantas e soñando con ter alguén con quen xogar. Os días previos ao Nadal, unha nena chamada Shelly múdase ao seu edificio e pon o seu mundo do revés. Xuntos embarcaranse nunha aventura máxica e descubrirán o fascinante misterio do edificio no que viven. O filme foi creado mediante a laboriosa técnica do stop motion, que conta cunha gran tradición na República Checa, fotografando cada mínimo movemento dos títeres e escenarios que foron construídos artesanalmente para dar a sensación de movemento. O resultado, que reborda fantasía e sorprende pola vistosidade das súas imaxes, foi premiado co premio Contrechamp no Festival de Annecy e mais co premio á mellor longametraxe de animación na sección Anima’t no Festival de Sitges en 2023. Está recomendado a partir dos 6 anos. Dura 80’.

Entrada libre ata completar cabida.

Hora

7 decembro, 2025 12:00 - 13:25(GMT+01:00)

Localización

Teatro Principal

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra