PROXECTO 'JOSE GIL. PONTEVEDRA PROVINCIA DE CINE. NA ORIXE DO CINEMA'
Detalles do Evento
‘Jose Gil. Pontevedra, provincia de cine na orixe do cinema’ arranca este venres, 13 de outubro cunha visita ao Cinemóbil nº3 para os veciños e veciñas que estará
Detalles do Evento
‘Jose Gil. Pontevedra, provincia de cine na orixe do cinema’ arranca este venres, 13 de outubro cunha visita ao Cinemóbil nº3 para os veciños e veciñas que estará situado no exterior do Teatro Principal entre as 18 e as 20 horas. A partir desa hora o Teatro acolle as seguintes proxeccións abertas a todo público:
• 20′ Vertixe de Harold Lloyd (1921).
• 6’ Kin auto Race at Venice (1914). A primera aparición de Charlot.
• 5′ Antoloxía de imaxes dos filmes de José Gil
E o Ronsel de José Gil coas curtas:
• 12′ O carro e o home de Antón Román (1942).
• 20′ Mamasunción de Chano Piñeiro (1984).
• 13′ Ser e voltar de Xacio Baño (2014).
O sábado, 14 de outubro, de 10 a 12.30 horas haberá unha visita guiada ao cinemóbil por parte do escritor Manolo González e Ignacio Vilar. De 12.30 a 13 horas presentarase o libro Nos días encantados de agosto de Manolo González, da Editorial Galaxia. E finalmente, entre as 13 e as 14 horas haberá unha sesión vermú na que a Banda de música de Salcedo achegará á vida de José Gil a través da música.
Finalmente, o luns 16 de outubro, haberá actividades e proxeccións para os centros de ensino do concello (concertadas previamente).
————————————————–xxxxxxxxx—————————————————
O proxecto multidisciplinar da Deputación de Pontevedra“José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” aglutina presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades que se desenvolven ata o 3 de decembro nun total de 30 concellos para difundir e poñer en valor a figura e a obra do considerado iniciador do cinema en Galicia. A programación comezou no seu concello de orixe, As Neves, en febreiro, e ao longo deste ano percorre Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas de Reis, Mondariz, O Grove, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín, Sanxenxo, Pontevedra, Tui, Vigo (en outubro), Covelo, Moaña, Salvaterra de Miño, Marín e Vilagarcía de Arousa.
O Concello de Pontevedra é un espazo de referencia obrigada na traxectoria de José Gil. Debeuna visitar en numerosas ocasións ao longo da súa vida. De feito, quizais fora unha das “persoas doutras localidades de Galicia” que asistiron ás primeiras proxeccións cinematográficas Lumière no Teatro principal de Pontevedra o 17 de abril de 1897.
Trece anos despois regresará á boa vila para impresionar algúns dos seus primeiros filmes en 1910 e 1911. A primeira referencia correspóndese con Visita de periodistas ingleses a Vigo y Pontevedra(1910), Pontevedra patria de Colón (1910), -un documental de 500 metros sobre as orixes pontevedresas de Cristóbal Colón-, Viaxe en tren de Vigo a Pontevedra (1910), Festa nas capitais de Galicia (1911), Salida de misa de doce de Santa María (1911) e Un dia de feria en Pontevedra (1916) na que impresionou imaxes da Ferrería, o campo da feira, a estrada de Ourense, Oliva e outras rúas da cidade. Outro fito sobranceiro será Novillada del Club Machada (1914), coa filmación da corrida de touros na praza de Pontevedra -organizada polo Club Machada vigués – en que os picadores de cabalos ían en coches Ford e que mereceu unha felicitación manuscrita do mesmísimo Henry Ford dende Detroit.
Tamén en Pontevedra realizou a primeira peza de ficción do cinema galego Miss Ledyia (1916) coa participación de Castelao como actor. A súa amizade persoal co multimillonario retornado Casimiro Gómez, contribuíu a que a cámara de Gil visitara a cidade varias veces, como na “Inauguración de la avenida de Buenos Aires (1911) ou a magnífica “Granxa de Monteporreiro” filmada para a Exposición internacional de Sevilla en 1929, que incluía unha exhaustiva e didáctica visita ás instalacións dunha das ganderías modelo máis innovadoras da España daquela.
Xunto con Fausto Otero creou en Pontevedra a segunda produtora galega “Galicia film” (1919). Entre 1919 e 1934 filmará en numerosas ocasións á boa vila en varios documentais xenéricos como: Revista Cinematográfica Galicia”(1919), Pontevedra y sus paisajes, Actualidades de Pontevedra (1924), Pontevedra (1934) ou varias novas para o “Noticiario de Galicia en América” con secuencias do violinista Manolo Quiroga e a súa esposa María Lemán nos xardíns da escola normal de Pontevedra en outubro de 1926. Asemade, Pontevedra aparecía nos Noticiarios de Galicia como a Corrida goyesca a beneficio da prensa de Pontevedra (7/7/29).
O filmes de Gil proxectábase habitualmente no Teatro Principal, Circulo Antoniano, Petit Palais, Café Moderno e sobre todo no Ideal. Así mesmo, o Cinemóvil Nº2 visitou Pontevedra con gran éxito durante tres días, do 24 ao 26 de outubro de 1929.
Hora
Localización
Teatro Principal
Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra